Arquitectura e bioconstrucción

Facemos proxectos de arquitectura adaptados ás necesidades reais das persoas e da contorna. Como arquitectos, é a nosa responsabilidade resolver os proxectos co mínimo custo económico e ambiental posible, tanto no referido á construción en si dos espazos, como ao mantemento posterior dos edificios (tentando que sexa o mínimo) e tamén ao mantemento das condicións de confort para o desenvolvemento da vida nos mesmos (temperatura, humidade, etc).

  • Proxectos de obra nova ecolóxicos creando espazos saudables con baixo consumo de enerxía, usando materiais naturais e preferiblemente locais.
  • CASASANA: catálogo de casas naturais (bioconstruidas), económicas e duradeiras que poñemos á súa disposición. As nosas casas están construídas con materiais naturais e/ou de baixo impacto ambiental e que non impliquen toxicidade para as persoas ou o medio ambiente (sen COV´s, Nen presencia de radón). Son vivendas que regulan naturalmente a humidade, con ventilación natural, etc. Para máis información 
  • Reformas e rehabilitacións de construcións tradicionais con criterios de sostibilidade e usando materiais tradicionais e compatibles con eles cunha visión contemporánea.
  • Asesoramento á autoconstrución de vivendas e outras estruturas dende unha perspectiva tradicional na relación entre constructor e medio ambiente
  • Talleres de construción natural
  • Deseño de interiores, museografía e deseño de espazos expositivos
  • Oficina técnica (informes, valoracións, medicións, peritaxes, licenzas…)

Territorio e urbanismo

Procuramos facer dos entornos rurais e urbanos lugares mais amables, sustentables, habitables e seguros.

Realizamos traballos arredor do patrimonio e a paisaxe buscando a mellora da súa xestión, valorización e rendibilización social. Apostamos pola participación, traballando da man da comunidade local, como medio para garantir a sostibilidade e o éxito dos proxectos.

Entendemos a mobilidade sostible como un pilar fundamental dun urbanismo que procura vilas e cidades próximas e cotiás, dende esa ollada, redactamos plans e estudos de mobilidade urbana sostibles e plans estratéxicos para a mobilidade peonil.

 

  • Planeamento estratéxico, xeral e de desenvolvemento. Redacción de documentos urbanísticos.
  • Elaboración de proxectos de deseño e transformación do espazo público no ámbito urbano e rural, con especial atención ao territorio no que se insiren e ás persoas que o habitan, dende a escala do deseño ate o proxecto de urbanización.
  • Asesoría e consultoría urbanística orientada tanto á administración pública como a entidades, colectivos e particulares.
  • Investigación e documentos estratéxicos no eido territorial e urbano. Incorporando a innovación social e sistemas de información xeográfica.
  • Proxectos de urbanización e traballos de análise e auditorías do espazo público.
  • Posta en marcha e seguimento de procesos de participación asociados  á transformación territorial.
  • Organización de eventos, xornadas, roteiros e formación en relación ao coñecemento e posta en valor do territorio, o espazo público e a perspectiva de xénero.
  • Documentos técnicos urbanísticos
  • En relación ao Patrimonio, facemos inventarios de bens, elaboración de catálogos de planeamento, (arquitectónico e arqueolóxico), e desenvolvemento de propostas para a integración do patrimonio na ordenación urbana e territorial.
  • Realizamos estudos integrais da Paisaxe co obxectivo de establecer medidas orientadas a súa protección ou mellora. Tamén realizamos estudos de impacto e integración paisaxística atendendo ás singularidades e especificidades de cada contexto.

Comunidade e procesos colectivos

Apostamos polo empoderamento das persoas no relativo ao coñecemento e toma de decisións dos procesos que lle afectan na súa vida diaria, como son o deseño da vivenda, a definición dos equipamentos que precisa no barrio, ou da transformación dos que fai uso habitual, así como no deseño do espazo público, na planificación urbana e na mobilidade.

No deseño e acompañamento dos procesos de participación e creación colectiva, desenvolvemos ferramentas de innovación social, que nos axudan a afrontar as solucións de xeito eficiente e creativo xunto coa comunidade interesada.

Poñemos especial atención en dar voz e recoñecer as necesidades de aqueles colectivos que contan cunha menor representación social e cunha maior vulnerabilidade, como poden ser a infancia e a mocidade, as persoas con necesidades especiais, as mulleres e/ou as persoas maiores. Recoñecendo a vulnerabilidade como condición esencial das persoas, promovemos dinámicas para conseguir espazos mais inclusivos.

  • Procesos de participación pública en relación cos ámbitos de traballo da cooperativa.
  • Acompañamento técnico de proxectos a particulares ou colectivos para a toma de decisións nas diferentes fases dun proxecto ou plan, dende o deseño, pasando pola xestión, ata as súas posibilidades de uso.
  • Asesoramento e co-deseño prazas, parques, patios e camiños escolares para conseguir lugares accesibles, dinámicos e seguros, e que integren ás necesidades de toda a comunidade.
  • Itinerarios para a creación e a descuberta dos materiais naturais en centros educativos e/ou asociacións..
  • Auditorías de xénero e do tratamento inclusivo na planificación, deseño e execución de espazos públicos e privados.
  • Posta en valor do territorio e o patrimonio e organización de eventos (formacións, roteiros comentados, debates)